O proxecto de cooperación Nó Rural continúa avanzando no obxectivo de fortalecer o sector primario e favorecer a incorporación de novas persoas á actividade agraria.
Neste marco, veñen de actualizarse as datas das xuntanzas dos Grupos Motores nos distintos territorios participantes, que se celebrarán ao longo do mes de maio, comezando o martes 19 en Sandiás no territorio de A Limia Arnoia, continuando o mércores 20 en San Sadurniño no ámbito de Seitura 22, o venres 22 en Baleira en Montes e Vales Orientais, o martes 26 en Abegondo en Mariñas Betanzos, o mércores 27 en Tui en EU Rural e finalizando o xoves 28 en Vilalba no territorio da Terra Chá
Esta iniciativa enmárcase no traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses, tras as constitucións dos Grupos Motores a finais de 2025, uns espazos que reúnen a axentes e entidades do territorio comprometidas co mantemento do tecido agrario e coa incorporación de novas xeracións ao sector.
Un dos principais eixos de traballo identificados é o relevo xeracional agrario, un reto clave para garantir a continuidade das explotacións e a sustentabilidade do medio rural, polo que dende Nó Rural deseñouse unha proposta de actuación centrada en identificar e contactar coas persoas propietarias de explotacións en risco de peche por falta de relevo
O obxectivo desta liña de traballo é crear un ecosistema que facilite o contacto entre estas explotacións e persoas interesadas en incorporarse ao sector, así como coas entidades que poden apoiar os procesos de transmisión ou inicio da actividade agraria
As xuntanzas servirán para presentar esta proposta, compartir perspectivas entre os distintos axentes implicados e seguir construíndo alianzas que reforcen o futuro do sector primario en cada territorio
A identificación das entidades convocadas nos diferentes “Grupos Motores” foi guiada e validada por cada GDR desde o seu rol no proceso, abríndose a diferentes perfís de referencia: organizacións sindicais; Oficinas Rurais (Xunta de Galicia); entidades de aconsellamento; polos de emprendemento (rede da Xunta de Galicia); centros de formación (FP da rama agraria); entidades do cooperativismo, asociacións, fundacións e similares; así como explotacións agrarias e outras empresas.
Este conxunto diverso de axentes resulta clave para garantir unha visión ampla e representativa do sector, favorecendo o intercambio de coñecemento, a identificación de necesidades reais e a construción de solucións colaborativas orientadas ao relevo xeracional e á sustentabilidade do medio rural.
Dende a organización destacan a importancia da participación activa das entidades locais, cuxa experiencia e coñecemento resultan fundamentais para o desenvolvemento desta estratexia
