Ferrol, 12 de marzo de 2026
A Consellería do Medio Rural publicou o pasado 9 de marzo no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas destinadas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria e á modernización das explotacións agrarias. Estas subvencións forman parte do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 e buscan favorecer o relevo xeracional no sector e mellorar a competitividade das explotacións.
A quen van dirixidas
Estas axudas están dirixidas principalmente a persoas mozas entre 18 e 40 anos que se instalen por primeira vez como titulares dunha explotación agraria e que cumpran cos requisitos de capacitación e viabilidade do proxecto.
Tamén contempla axudas para investimentos de modernización ou mellora das explotacións, vinculadas á incorporación destas persoas ao sector.
Contía das axudas
A convocatoria inclúe dúas liñas principais de apoio:
Incorporación de persoas agricultoras mozas
A axuda base é de 30.000 euros, podendo incrementarse ata 70.000 euros segundo distintos criterios, como:
- Ser muller.
- Localizarse en zonas con limitacións naturais ou na Rede Natura 2000.
- Desenvolver unha explotación ecolóxica.
- Establecer unha titularidade compartida da explotación.
Modernización ou mellora das explotacións agrarias
Para investimentos destinados á modernización da explotación, a axuda pode cubrir o 30 % dos custos subvencionables, podendo incrementarse ata un máximo do 65 % do investimento.
Establécese ademais un límite de 75.000 euros por UTA (Unidade de Traballo Agrario) e ata 250.000 euros por persoa beneficiaria.
Estas achegas poden destinarse a diferentes actuacións, como a compra de maquinaria, construción ou mellora de instalacións agrarias, implantación de cultivos ou investimentos que melloren a eficiencia e a competitividade da explotación.
Prazo de presentación
O prazo para presentar as solicitudes é dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG, realizada o 9 de marzo.
As solicitudes deberán presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
