Ferrol, 9 de xullo de 2026. Consciente de que sen remuda xeracional no agro galego a súa supervivencia será só unha quimera, Nó Rural dá un paso adiante, e aposta por identificar as explotacións que finalizarán a súa actividade nos próximos anos e ofrecerlles un acompañamento que facilite a chegada de persoas emprendedoras que vexan o seu futuro no rural tomando o relevo. Ese mapa permitirá conectar ás persoas agricultoras e gandeiras que estean pensando ou precisen pensar nun proceso de continuidade ou transición dos seus negocios cos seus posibles cedentes, ofrecéndolles asesoramento e acompañamento para concluír con éxito o proceso.
Para a creación desta base de datos, Nó Rural lanza unha enquisa dirixida a persoas próximas á xubilación, que poden empezar a pensar no futuro de cara a asegurar a continuidade da explotación e a xestión territorial que esta vén desempeñando. Trátase dun formulario breve que pode contestarse en apenas 5 minutos.
Xa está habilitado no portal web de Nó Rural: https://norural.gal/enquisas/, e tamén, comezouse a distribuír a través das redes sociais -FB, IG, WhatsApp- das entidades que integran os 6 grupos motores do programa. Isto é, ademais dos 6 GDR que participan do proxecto de cooperación Leader: organizacións sindicais, oficinas rurais, entidades de aconsellamento, polos de emprendemento, centros de formación (FP da rama agraria), entidades do cooperativismo, asociacións, fundacións e similares, explotacións agrarias e outras empresas, e Universidade de Santiago.
Trátase de entidades e axentes do territorio con relación ou coñecemento directo de persoas agricultoras ou gandeiras próximas á xubilación ou nun momento no que poida iniciarse a reflexión a respecto da continuidade futura da súa explotación. No seu conxunto, abarcan un territorio integrado por 100 concellos (un terzo do total da Comunidade).
Así, unha vez se dispoña da información sobre as explotacións en proceso de sucesión, realizarase unha clasificación dos datos profundizando neses perfís, e levaranse a cabo entrevistas a pé de campo para coñecer en detalle as realidades concretas que permitan comprender mellor o que está a ocorrer, e cando sexa posible, explorar formas de apoio, conexión ou acompañamento dende os propios territorios.
SOBRE O PROXECTO
O proxecto de cooperación Leader “Nó Rural” aglutina a seis GDR: Asociación GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e GDR Mariñas-Betanzos baixo o liderado de Seitura 22. Con esta nova iniciativa, continúa dando pasos adiante nun proceso co que busca contribuír ao relevo xeracional no agro galego.
Para iso, ten no modelo catalán o seu principal referente, e dende finais de 2025, comezaba un camiño no que foi sentando as bases para transferir a súa metodoloxía á nosa Comunidade. A primeira medida foi, precisamente, a creación dos 6 grupos motores nas 6 áreas de influencia dos GDR participantes no proxecto. Tras a súa constitución, arrincaban as reunións de traballo para analizar, dende unha perspectiva multisectorial, a realidade da remuda en cada territorio, identificando dificultades pero tamén recursos, capacidades e iniciativas.
Complementando esta labor, hai apenas un mes, Nó Rural promovía unhas xornadas técnicas na provincia de Ourense baixo o lema “O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña”, coa participación de responsables do Grupo de Desenvolvemento Rural ADRINOC, da Red Catalana de GDR´s (ARCA), de Desenvolvemento Rural da Generalitat e da Diputació de Barcelona.
