Ferrol, 11 de xuño de 2026. As xornadas “O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña” organizadas no marco do proxecto “Nó Rural” permitiron continuar profundizando en programas e iniciativas coas que reverter o abandono das terras e o envellecemento do sector, conectando aos agricultores que se xubilan coas novas xeracións que queren emprender. Para iso, grazas ao programa Terralimenta da Fundación Daniel i Nina Carasso, contouse coa participación dunha delegación catalana integrada por responsables do Grupo de Desenvolvemento Rural ADRINOC, da Red Catalana de GDR´s (ARCA), de Desenvolvemento Rural da Generalitat e da Diputació de Barcelona. E é que, dende que comezara a traballar no deseño dunha estratexia de relevo xeracional agrario, “Nó Rural” ten en Cataluña un dos seus principais referentes. Non é casualidade, xa que por dereito propio é unha das comunidades pioneiras na definición e implementación de políticas específicas para o relevo xeracional agrario, destacando por ter estruturado unha estratexia propia que vai máis aló das axudas económicas tradicionais.
Os representantes cataláns expuxeron programas como Catifa Vermella (Alfombra Vermella), un proxecto de acompañamento que combate de forma directa a principal queixa dos novos emprendedores: a asfixia por trámites burocráticos para arrincar un negocio agrario, ou normativas como a Lei de Fondo Agrario e Gandeiro, que regula de forma pioneira a obriga de indemnizar con fondos públicos a “sucesión agraria” extrafamiliar, pagando directamente ao agricultor que se xubila para que mentorice ao mozo que entra. Falouse do esforzo orzamentario nesta materia, e a variedade de liñas de axudas para a incorporación de mozos ou a automatización de procesos e modernización de instalacións.
O GDR ADRINOC trouxo o seu proxecto “Relleu Agrari”, deseñado para planificar, acompañar e executar de forma práctica o traspaso de explotacións agrícolas e gandeiras no territorio rural catalán. Un modelo que “Nó Rural” está a replicar nos seis territorios de influencia, tal e como expoñía o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido. Aseguraba que un relevo xeracional comeza moito antes do momento de finalizar a actividade, e por tanto, defendía a necesaria anticipación para poder planificalo, especialmente se esta remuda non se dá dentro do ámbito familiar. Dende “Nó Rural” búscase contribuír ao éxito do proceso, acompañando a cedentes e emprendedores. Así, seguindo o modelo catalán, explicou que, tras a constitución dos grupos motor nos diferentes territorios -coa participación dos axentes implicados no proceso-, toca agora elaborar unha base de datos daquelas persoas que finalizarán a súa actividade nos próximos anos, e daquelas outras que desexen tomar o relevo.
CASOS DE ÉXITO
Do mesmo xeito que as xornadas contaron coas exposicións dos representantes de Cataluña, tamén deron voz a iniciativas e proxectos con selo galego. Entre eles, os relatos de catro emprendedores mozos que, pese ás dificultades, apostaron polo rural: Melani Arújo (Crismel S.C.), Breogán Prieto (Lar de Breogán), Abel Sotelo (Patatas Guays) e Borja Campelo (Patagal).
Nesa incorporación, Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia, reivindicaba o papel de intermediación que exerce o proxecto Aterra entre persoas propietarias das terras e persoas emprendedoras, facilitando así a necesaria mobilización das terras que den viabilidade aos proxectos.
Cristina Díaz, técnica de Ovica, daba a coñecer un dos últimos proxectos postos en marcha no territorio nesa aposta por favorecer o regreso ao medio rural: a escola de pastores, que ofrece formación teórica e prácticas en granxas de 19 concellos ourensás coa colaboración dos gandeiros.
O investigador da Universidade de Santiago e participante dos grupos motores de “Nó Rural” a través do Laborate, Quico Ónega, expuxo as iniciativas público-privadas que se están a desenvolver en Galicia para favorecer o relevo xeracional.
Un obxectivo prioritario para Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego, que debe centrarse, segundo enfatizou, nun acompañamento da persoa emprendedora.
Así mesmo, José Manuel Gómez, presidente da IXP Pataca de Galicia na Limia, daba unhas pinceladas sobre a realidade actual dos produtores na súa aposta continua pola calidade fronte á cantidade, e Servando Álvarez Pousa, técnico responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, botaba a vista atrás para abordar o proceso de transformación da comarca da Limia dende os anos 50 do pasado século e como a desecación da lagoa da Antela condicionou a estrutura produtiva do territorio.
O programa complementouse con debates, coloquios e, como non, visitas ao territorio para botarlle unha ollada dende o punto de vista paisaxístico e produtivo.
“NÓ RURAL”
O proxecto de cooperación Leader “Nó Rural” aglutina a seis GDR: Asociación GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e GDR Mariñas-Betanzos baixo o liderado de Seitura 22. Ten como obxectivo fomentar o relevo xeracional e a creación de emprego no agro, e actúa como unha rede de apoio que acompaña aos mozos e profesionais interesados en desenvolver o seu proxecto de vida e traballo no campo.
